Un dos contidos máis interesantes deste primeiro tema foi,
dende o meu punto de vista, todo o relacionado coas linguas no seu contexto de
uso e de aprendizaxe. Aínda que a simple vista poidan parecer obvios, os termos
traballados resultaron ser bastante confusos, e, personalmente, tiven que
repasalos con calma para poder asimilar algunhas diferenzas que non terminaba
de ver claras (neste senso, como comento na anterior entrada, foi de moita
utilidade a actividade do placemat). Nesta entrada non pretendo definir
estes conceptos, xa que prefiro adicar o espazo á realizar unha reflexión sobre
os mesmos.
Máis alá das propias perspectivas desde as que se pode
definir unha lingua de acordo ao seu contexto de aprendizaxe e uso, penso que a
partir dos exercicios realizados e preguntas respostadas, podemos reflexionar
tamén sobre a cuestión do prestixio das linguas. A situación dunha lingua como vehicular,
de traballo, ou incluso como lingua estranxeira no ensino está lonxe de ser un
feito casual ou “natural”, aínda que ás veces non nos paremos a pensalo. Nas
preguntas do placemat viamos como as respostas dadas reflexaban
claramente unha presenza maioritaría de idiomas como o inglés. Á hora de
negociar a escolla dunha lingua vehicular, incluso coincidíamos na escolla
maioritaría do inglés no caso de estudantes europeos que se atopan realizando
estancias en España.
No caso do galego, mentres que empresas como Gadis ou R empregan
o galego (ás veces) para promocionarse ou para comunicarse cos seus clientes se
así o desexan, moi probablemente esta non sea a súa lingua de traballo á hora
de comunicarse internamente (descoñezo se hai algo similar a un “marketing da lingua”,
pero dende logo pensó que estes serían dous exemplos clarísimos, aínda que ese
é outro tema). Sen embargo, comentábamos o caso de Citroen en Francia, a lingua
de traballo é o francés en lugar do inglés. Por que aceptamos con naturalidade
que unha empresa francesa faga isto, pero á vez todos asumimos do mesmo xeito
que o galego rara vez sería a lingua de traballo nunha empresa, e poucas veces a
lingua vehicular para, por exemplo, dirixirnos a un estranxeiro que leva unha
temporada asentado en Santiago (e que, polo tanto, podería perfectamente ter o
galego como a súa lingua habitual durante a estancia).
A posición das linguas está condicionada tanto por intereses
como polo seu prestixio. Cando falo de intereses refírome a algo tan simple
como o utilitarismo: é máis probable que un grupo de estranxeiros se poida
comunicar en inglés que noutro idioma, xa que probablemente todos estudaron
inglés previamente, e polo tanto ten sentido a súa escolla como lingua
vehicular. O prestixio tamén inflúe á hora de escoller unha lingua ou outra
como lingua vehicular ou de traballo, vémolo no caso galego respecto ó castelán:
por que a maioría de empresas galegas empregan exclusivamente o castelán como
lingua de traballo? E por que tenden a dirixirse aos seus clientes en castelán nun
primeiro momento, incluso se este é claramente galego?

Ola, Diego!
ResponderEliminarExcelente entrada, parabéns! penso que deches no clavo sinalando exactamente cal é o problema con empregar a lingua como un elemento de márketing. Estas compañías que sinalas buscan presentarse como as alternativas ''da terra'' ante as grandes cadeas estranxeiras, mais esta é unha actitude puramente estética, xa que como ben dixeches non empregan o galego de forma habitual como lingua de traballo.
Tamén me pareceu moi acertada a túa reflexión sobre o fácil que é aceptar que os demais empreguen o idioma de traballo da súa rexión mentres á vez que pasamos por alto situacións como as comentadas anteriormente. Coincido en que as causas principais son o utiltarismo e o prestixio social que, sobre todo debido á forma en que se consume contido visual a día de hoxe, fan que o inglés sexa a lingua hexemónica a nivel internacional e os efectos nótanse especialmente entre as xeracións máis novas de falantes de linguas minorizadas.
Saudiña!