Ola de novo a todas e todos! Hoxe toca entrada dunha materia
nova e gustaríame facer un pequeno comentario e reflexión sobre as actividades que
realizamos. Concretamente, quero falar tanto do placemat, levado a cabo a partir
dunha serie de preguntas ligadas ás linguas no seu contexto de uso, e á posta
en común do noso repertorio lingüístico.
O certo é que nesta ocasión a miña valoración é
fundamentalmente positiva en ambos casos. O placemat resultou moi
exitoso e coido que ten unha vantaxe respecto a outro tipo de actividades grupais.
Non é máis que unha apreciación personal, pero pensó que á hora de levar a cabo
actividades grupais sempre hai un primer momento, máis curto ou máis longo, de
quecemento, no que a actividade en si non remata de arrancar. Como tendemos a
solucionar isto? É típico que alguén propoña o seguinte: que cada integrante do
grupo leve a cabo a actividade, se é posible, pola súa conta, para
posteriormente realizar unha posta en común e tomar decisión sobre o que vai presentar
o grupo. O placemat situanos xa nese comezo dende unha perspectiva
inividual, facilitando que cada un, ao seu ritmo, se familiarice coa actividade,
enriquecendo o debate posterior. Neste caso, probablemente a maioría tivemos
que volver a repasar conceptos (lingua de traballo, vehicular, franca, etc.)
para poder reflexionar adecuadamente sobre as preguntas. O resultado final é unha
mellor comprensión destes conceptos e un debate que permite unha reflexión máis
profunda e o achegamento a novas preguntas.
Respecto ó exercicio
de posta en común do repertorio lingüístico, tanto o proceso como o resultado final
foi interesantísimo. Ata certo punto sigue un proceso semellante ao do
placemat, en tanto que se comeza a reflexionar individualmente para
posteriormente compartir os resultados, se ben neste caso non hai un debate final
en si mesmo. Analizar o propio repertorio lingüístico permite facer visibles
uns coñecementos que, están aí, pero que non sempre sabemos ver (ou máis ben,
valorar) con claridade. Vimos como, partindo dunha clase de menos de quince
estudantes, o repertorio final contou cunha gran cantidade de variedade tanto
de linguas como de elementos lingüísticos. E, aínda que na nosa clase somos todos moi aplicados e nesto non hai dúbida, este tipo de actividades pódelle permitir aclarar ideas a algún que
outro despistado pola Península que confunde os conceptos de lingua e dialecto.
Finalmente, por que non dicilo, máis aló do proveito que lle poidamos sacar nun senso
máis “académico” ou de estudo, a actividade fíxose ademáis entretida e amena,
grazas á participación dun alumnado que estivo colaborativo e participativo.
En entradas pasadas, algunhas actividades realizadas
plantexaronme algunha dúbida e deixei as miñas críticas. Neste caso, non teño
nada negativo que dicir, coido que non so foron actividades proveitosas, senón
que ademáis estiveron ben levadas (ata os deuses de Internet estiveron da nosa
parte e non houbo problemas de ningún tipo, que eu recorde).



Comentarios
Publicar un comentario