Na presentación final da materia, que podedes ver facendo clic aquí, falei sobre o tema das institucións certificadoras do nivel de lingua, concretamente o caso de Fundación Xapón. A exposición quedou dividida en tres partes: unha introducción á institución, onde comentei brevemente algúns datos e actividades sobre a mesma; un repaso do JLPT ou Noken, o exame de certificación de xaponés organizado por esta institución; e, por último, realicei unha breve reflexión sobre o concepto de soft power (Nye, J. 1990). É neste último punto no que me gustaría profundizar un pouco máis, xa que pode resultar un tanto complexo e pode ser que na presentación non quedase de todo claro. Son consciente de que supón unha pequena desviación do tema principal, pero trato de relacionalo ó máximo posible para deixar sobre a mesa un debate vinculado á docencia.
Concepto de soft power e institucións de promoción cultural
O concepto de soft power, se ben conta con varias definicións, alude á capacidade dos países de gañar prestixio e recoñecemento internacional sen necesidade de usar a forza, a través, por exemplo, do atractivo da súa cultura. Para resumilo, podemos entender o soft power como o "carisma" dunha sociedade, a súa capacidade para "caer ben" e resultar atractivo e influinte no exterior. As consecuencias dun maior soft power son evidentes: maior prestixio do país, aumento do turismo, aumento do consumo dos seus productos, posibilidade de expandir as súas relacións económicas, etc. E, dentro deste "marketing", a cultura dun país e a imaxe que no estranxeiro se fan dela ocupan un lugar importante, constituindo un dos criterios a ter en conta para a valoración final. Non se trata dun simple concepto teórico, senón dunha idea recoñecida no ámbito da política e da socioloxía.
O Brand Finance Global Soft Power Index de 2020 indica o ranking de países con maior soft power este ano
Tanto Xapón (4º lugar no Brand Finance Global Soft Power Index) como España (16º lugar) son países con altos niveis de soft power. Se acudimos ós informes de 2019, que permiten ver a puntuación desglosada por categorías, para a categoría "cultura", que é realmente o que trato nesta entrada, Xapón e España ocupan respectivamente 6º e 5º lugar. No caso de España, por exemplo, o fútbol é un deses aspectos que xenera atractivo no exterior. No caso de Xapón, pola súa parte, a cultura popular (anime, manga, videoxogos, etc.) é tamén un elemento que goza de especial atención por parte das institucións e que é empregado como ferramenta para xerar atractivo no exterior, a través de estratexias políticas como o denominado Cool Japan. Xa a comezos do século XXI o periodista estadounidese McGray falaba da realidade xaponesa como "superpotencia cultural", destacando, entre outros, algún destes productos da cultura popular nipona. Poderíamos citar, sen dúbida, moitos máis exemplos para os dous países.
Na promo das Olimpíadas de 2020 vemos a Doraemon, Oliver Attom, Hello Kitty, Pacman e ata ó Primeiro Ministro vestido de Super Mario.
Unha cultura non é un ente pechado, fixo e tanxible. É flexible, aberta e moi difícil de definir. Para a súa promoción adóitase seleccionar e acudir a determinados estereotipos, para xerar ese atractivo que atraiga o interés do estranxeiro. As institucións de promoción cultural participan desta dinámica e, na súa tarefa de promoción, colaboran, xa sexa consciente ou inconscientemente, na creación e difusión de estereotipos, aínda que non negativos (por exemplo, que en Xapón a todo o mundo lle gusta o anime e o manga, ou que o seu consumo está 100% normalizado e libre de polémica, cando realmente todavía existe nalgúns sectores da sociedade unha imaxe negativa do "consumidor compulsivo" ou "otaku", e houbo debates ó respecto da influencia do manga e anime na xuventude en varias ocasións, especialmente a partir dos tráxicos asasinatos de 1989.). Fundación Xapón, (que, non esquezamos, é unha entidade que está supervisada polo Ministerio de Asuntos Exteriores Xaponés) por exemplo, emprega de xeito habitual o manga e o anime nas súas actividades e eventos, como un xeito de conectar cun público que é, maioritariamente, xoven, e está interesado neste tipo de producións culturais.
"Filosofía" de soft power na docencia?
Que non se me entenda mal. O papel destas institucións é fundamental para que poidamos coñecer outras culturas e interesarnos por elas. En concreto, Fundación Xapón fai un traballo, dende o meu punto de vista e dende a miña experiencia, excelente na promoción da cultura xaponesa, ademáis de axudar ós estudantes no largo (largo, laaargo...) camiño para na aprendizaxe do idioma. É inevitable participar desta creación de estereotipos cando a función principal é a de xenerar interés sobre a cultura, posto que se fai necesario "darlle unha imaxe", "construíla".
Non obstante, nós, como docentes, que debemos facer? Como podemos darlle presenza ós aspectos culturais na aula sen caer en estereotipos, xa sexan poitivos ou negativos? Ou debemos participar dun xeito similar a estas institucións e traer únicamente aquilo que pode despertar un interés positivo pola cultura da lingua meta? Nós tamén temos que xenerar soft power? Coido que a nosa tarefa na docencia ten que ser a de ofrecer unha imaxe o máis realista posible da cultura e da sociedade. Para iso, acudir a este tipo de institucións é, sen dúbida, unha boa idea, xa que ofrecen recursos e materiais nós que poderemos atopar información interesante coa que traballar. Pero non debemos quedarnos aí. É necesario procurar outras fontes e medios (xornais, cine, literatura, etc.) a través dos cales facer visible a cultura na nosa aula, para traballala dende unha perspectiva crítica e de análise social.
Cando falamos dos estereotipos na aula tendemos a posicionarnos de xeito moi crítico ante as súas posibilidades didácticas, por ofrecer unha visión incompleta ou simplista da realidade. Con todo, nas sesións do tema 3 tamén apareceu a idea de que empregar certos estereotipos como estratexia para xenerar atractivo e interés nos alumnos, podía ser unha boa idea. Esta segunda perspectiva, que é similar ó realizado polas institucións de promoción cultural, pode estar ben nun primeiro momento, pero, como xa comentamos, supón tamén importantes riscos. Personalmente, e como conclusión, remítome ao que expoño na entrada do tema 3: debemos traballar cos estereotipos, ensinalos, mostralos, pero dende unha perspectiva de análise. Desmenuzar e analizar os estereotipos non so fará que, cando menos parcialmente, desaparezan, senón que darán lugar a unha visión moito máis acertada da realidade sociocultural ante a que nos atopamos.



Comentarios
Publicar un comentario