Tema 5: Dossier

                      


Nesta entrada, e co obxectivo de levar a cabo unha breve reflexión sobre as actividades e algunhas cuestións metodolóxicas que tiveron presencia nas sesións do tema 5, centrareime especialmente nos aspectos que máis chamaron a miña atención en relación, por un lado, ao emprego do Kahoot como ferramena na aula, e, por outro, á organización e traballo en minigrupos para a presentación de contidos teóricos.

Respecto ó Kahoot, se ben resultou útil para amenizar o ambiente da clase e captar atención do alumnado grazas á súa apariencia de xogo, coido que presenta algunhas carencias. O enfoque competitivo, que pode resultar ata certo punto motivador para parte do alumnado, tamén leva, ás veces de xeito inconsciente, a que se reproduza nos estudantes unha dinámica típica da ensinanza tradicional: valorar a puntuación/calificación, sen prestar especial atención ós erros para correxilos (unha vez se falla unha pregunta, automáticamente estase pensando na seguinte). Penso que sería unha ferramenta útil para contidos que non sexan principais, xa que aínda que o grao de adquisición ou de reforzo dos mesmos non sexa elevado, podería ser suficiente para permitir logo enlazar con ideas do temario principal.

Por outro lado, os traballos grupais, cos cales traballamos contidos da materia (no meu caso, a estrutura e distribución competencial da FP, ou o sistema de avaliación nas Escolas Oficiais, de Idiomas), resultaron, dende o meu punto de vista, útiles e eficaces, tanto na súa execución como na súa presentación.


Extracto do traballo sobre as distribucións competencias na FP

A través de documentos de acceso online para todos, puidemos ir realizando os nosos primeiros borradores, aos que o profesor da materia engadía comentarios ou anotacións a modo de feedback. Eses documentos converteronse, en certa medida, tanto nun papel sobre o que traballar, como nunha alternativa ó espazo físcio da aula. O noso minigrupo, ademáis, empregou a ferramenta Slide de Google para comunicarnos e organizar do mellor xeito posible a nosa parte. En canto as presentacións, destaco o feito de que o contido para expor de cada alumno e alumna non sexa especialmente amplo. Isto paréceme interesante por algo do que non se fala moito, pero é unha realidade: á hora de realizar presentacións, un tende a estar máis pendente de revisar e de estar preparado para o seu turno que de atender ás presentacións previas dos compañeiros e compañeiras. Ao tratarse de presentación curtas e dun contido que traballamos con esforzo previamente, esa tensión (polo menos, no meu caso) non existe, ou é mínima, no caso destas tarefas, e podo tamén atender ás presentacións do resto da clase.

Comentarios

  1. Ola Diego,
    A min tamén me parece que a ferramenta do Kahoot ten limitacións didácticas que o converten nun perpetuador máis dos valores tradicionais de atención a calificación sen supoñer, ademáis, que os alumnos presten moita atención aos contidos en si. Penso que é unha ferramenta interesante para captar a atención sobre determinados contidos difíciles de dixerir pola súa forma, ou como elemento motivador nunha determinada situación pero, sen dúbida, tampouco o empregaría doutro xeito que non fose en situacións moi concretas. Sei que se está a empregar moito nas aulas e que aos rapaces lles encanta, pero tamén hai que ser conscientes de que non é unha revolución no xeito de dar clases senón máis ben unha extensión tecnolóxica dos valores máis arraigados no sistema. Por outra parte, concordo contigo no a gusto que se está cando se traballa en equipo e nos bos resultados que soe dar. Aínda así considero que se este curso se desenvolvese de forma presencial o traballo en grupo ía ser máis fluido e quedarían amortiguados os “plantóns” que fan algunhas conexións a internet que tanto dificultan a comunicación. En calquera caso sorprendeume o ben que están a funcionar as clases en xeral a pesar das circunstancias.
    Unha aperta!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola, Sofía!

      Grazas polo comentario. Si, o do Kahoot parece moi controvertido. Ó final, por moito que haxa un importante número de alumnos que o desfruta, seguro que tamén hai unha porcentaxe deles (máis silenciosa) que non o termina de pasar ben, pola cuestión xa falada da competitividade e o verse por debaixo dos demáis. En canto á modalidade online, coido que aínda se ten que mellorar moito para que poida igualar á ensinanza presencial, pero, con todo, e tendo en conta tanto as circunstancias actuais como os problemas típicos de traballar con ferramentas online, penso que se está a levar mellor do que moitos esperabamos.

      Eliminar
  2. Ola, Diego! Si, estou de acordo contigo en todo o que dis! A min tampouco me gusta demasiado o Kahoot! aínda que o teño utilizado nalgunha das miñas clases. No meu caso, o rechazo a esta plataforma vai un pouco máis alá, pois agora mesmo estou estudando as variantes da personalidade en alumnos e profesores de idiomas e as miñas sospeitas vense confirmadas: a grande maioría de actividades están deseñadas coa extroversión en mente, deixando a un lado, unha vez máis, a aquelas persoas máis introvertidas, que non lle sacan ningún partido á competición ou se quera a interface colorida e musical de Kahoot! Entendo que os introvertidos somos os menos, pero aquí estamos. As novas metodoloxías de ensinanza xa advirten da necesidade de ter a todos os alumnos en conta...
    En canto ao traballo en grupo... tamén penso que é necesario, a pesares do que acabo de dicir acerca dos introvertidos (non, tampouco gustamos do traballo en grupo, haha), porque ao ser grupos pequenos, manéxanse moito mellor e contribúen a facer a clase máis social, interactiva e amena.
    Grazas pola entrada!
    Saúdos,
    Paz

    ResponderEliminar
  3. Ola, Paz!

    Grazas polo comentario.Pois moi interesante o tema que estás estudando. Dende logo o que non ten sentido é que todo se enfoque cara a extroversión, cando, como dis, hai de todo e temos que ter en conta as características do alumnado. Tampouco creo que lle faga ben, por exemplo, a unha persoa excesivamente competitiva, ou a unha insegura, etc. Eu teño claro que se a min, de neno ou adolescente, me poñen o Kahoot, íame encantar. Pero visto con perspectiva non creo que fose unha ferramenta especialmente boa para min, por moito que me puidese chegar a gustar, porque afondaría nesa competitivdade e gañas de destacar que, sinceramente, eu non fomentaría nunha clase. O traballo en grupo, como dis, máis aló de que lle guste máis a uns e menos a outros, si que é necesario e hai que fomentalo, como xa se ven facendo dende hai tempo, porque contribúe a acadar precisamente un clima colaborativo, e non de competición. Un saúdo!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario